Sábado, 3 Maio de 2025

As naves afectadas polo lume do Polígono do Rebullón xa teñen licenza de demolición

Aprobouse onte pola tarde en Xunta de Goberno

Onte pola tarde aprobouse, en sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local do Concello de Mos, a licenza de demolición de naves industriais no Polígono do Rebullón concedida á Mancomunidade de Propietarios Portela.

Deste xeito a Mancomunidade pode proceder á demolición das naves afectadas polo incendio do pasado 27 de marzo e tramitar a continuación a licenza para a nova construción das mesmas.

O desgraciado suceso acaecido no Polígono do Rebullón ocasionou terribles consecuencias para empresas e traballadores. É por elo que desde a data do lume, Mancomunidade de Propietarios, AEMOS, Concello de Mos e Xunta de Galicia traballan da man para apoiar e axudar aos afectados o máximo posible.

Celébranse periodicamente mesas de traballo neste senso e en breve, xa a semana vindeira, convocarase unha nova reunión. Grazas á mutua colaboración e á suma de sinerxias atopáronse solucións provisionais para as empresas afectadas,  no que a emprazamento se refire, para que poidan seguir a traballar e producir mentres as novas naves non se atopan construídas de novo.

Deste xeito Concello de Mos e Asociación de Empresarios de Mos reiteran novamente todo o seu apoio e man tendida ás seis empresas afectadas polo incendio no polígono do Rebullón, e están a traballar axilizando ao máximo os trámites para que poidan recuperar canto antes a normalidade.

Grazas ao alto esforzo de coordinación e xestión conxunta logrouse a reubicación das empresas para que continuasen coa súa actividade. Agora séguese a traballar duro cooperando todas as partes implicadas para que a solución definitiva para as 6 empresas afectadas chegue canto antes. Vánse dando pasos cara a elo, os primeiros, entre os que se atopa a licenza de demolición, xa están dados, e agora seguirase avanzando ata a consecución da construcción das novas naves.

As afectadas son empresas do sector do transporte e a loxística, o comercio e distribución téxtil e de servizos, nas que traballan preto de 200 persoas. É por elo que a implicación desde o punto de vista da axilización administrativa por parte do Concello e da Xunta é total. A Xunta de Galicia comprometeu tamén axudas para as empresas que precisen financiamento cunha bonificación da taxa de interese ou para apoiar investimentos.

É desexo tanto dos empresarios afectados, como de AEMOS e administracións local e autonómica, que as empresas poidan retomar o máis rápido posible a normalidade.