A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anunciou hoxe que mañá retomaranse as habituais reunións do goberno local polas parroquias, tras máis de ano e medio de crise sanitaria da Covid-19.
Ven sendo de habitual desde que Arévalo é rexedora local mosense a realización dunha ronda anual de xuntanzas polas 10 parroquias do muncipio, co obxectivo de recoller e tomar notas das suxerencias, demandas e necesidades da veciñanza.
A iniciativa, que antano levou por nome ‘A alcaldesa responde na túa parroquia’, leva a alcaldesa e concelleiros/as aos diferentes locais parroquiais co obxectivo de comentar proxectos de futuro de interese para cada parroquia e repasar proxectos acometidos, en marcha, ou pendentes; así como abordar prioridades e necesidades a ter en conta.
Sobre a recuperación desta ferramenta de comunicación directa coa veciñanza, Nidia Arévalo declaraba esta mañá sentirse “moi leda e satisfeita de retomar as reunións do equipo de goberno polas parroquias e poder charlar fronte á fronte cos meus veciños e veciñas sobre temas de gran interese tanto para eles como para a administración local mosense, tras máis dun ano e medio afastados e comunicándonos desde a distancia que nos marcaban os protocolos sanitarios. E de poder retomar estas xuntanzas nunha situación moito máis optimista respecto da pandemia e con medidas de prevención xa máis suaves”.
Todas as reunións celebraranse ás 20.00 horas da tarde para que non interrompan nin coincidan coa xornada laboral da veciñanza. E a parroquia pola que comezarán mañá será a de Guizán, onde o local do Plantel será esceario da xuntanza. A seguinte reunión programada é a da parroquia de Sanguiñeda, que se celebrará o vindeiro xoves, 21 de outubro. As xuntanzas iranse programando semanalmente a razón de unha ou dúas reunións por semana, ata completar as 10 parroquias.