Sábado, 3 Maio de 2025

A nova xunta directiva de AEMOS seguirá presidida por Manuel Castro

O Vicepresidente económico, Francisco Conde, clausurou a Asemblea e ofreceu diálogo e colaboración para impulsar a competitividade dos axentes económicos.

A Asemblea Xeral da Asociación de Empresarios de Mos, que tivo lugar o pasado 30 de setembro no Viveiro Industrial do Polígono da Veigadaña, tivo como punto relevante a elección de nova xunta directiva, renovando cargo o seu presidente, Manuel Castro, quen se comprometeu a seguir traballando polas empresas de Mos, o desenvolvemento económico e o emprego.

Nunha xornada marcada polos protocolos de seguridade contra a Covid-19, con restricións de aforo pero, pola contra, unha notable asistencia telemática, déronse a coñecer as liñas continuistas dos proxectos xa en marcha promovidos pola Asociación. Así, ao labor de intensificación da formación e servizos ofrecidos por esta, déronse a coñecer os dous grandes fitos da Asociación para o próximos catro anos, o proxecto construtivo cualificado como singular das 18 naves modulares do PEMOS 18 xa en fase de selección dos 10 proxectos presentados ao concurso, e a presentación, a través dunha vídeo infografía, do Centro de Negocios que se converterá no centro neurálxico do tecido empresarial de Mos.

Como colofón a esta exitosa xornada, o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, clausurou a asemblea xeral por videoconferencia dando a benvida á nova xunta directiva e ofrecendo “diálogo e colaboración para impulsar a competitividade do tecido empresarial de Mos”. Destacou que, “desde o principio da pandemia, o obxectivo do Goberno galego foi estreitar ao máximo o contacto cos axentes económicos e sociais”, e que esta será a liña para seguir no Plan de reactivación económica de Galicia como instrumento para superar a crise actual.

O Plan implica como alicerces fundamentais, segundo apuntou Francisco Conde, para que “a economía creza a longo prazo e que as empresas gañen en competitividade e poidan crear emprego de calidade”, impulsar as novas tecnoloxías e a dixitalización do tecido empresarial, levar a cabo a transición enerxética cara ao mundo das renovables, potenciar a industria 4.0 en sectores como o da automoción, e seguir apoiando o emprendemento dando as maiores facilidades ás empresas que queiran desenvolver novos proxectos.