Domingo, 4 Maio de 2025

O Teatro Principal de Tui acolle este sábado o acto cívico e social «Sobredo na memoria 100 anos despois»

O Instituto de Estudios Agrario Mártires de Sobredo (IEAMSo) organiza este Acto cívico e social «Sobredo na memoria 100 anos despois», evento que terá lugar o sábado 19 de novembro a partir das 19 horas no Teatro Principal de Tui e no que se proxectará o documental Os sucesos de Sobredo, video gañador do premio ‘De Escola a Escola’, TVE-Galicia 1991.

Trala proxección do video terá lugar a actuación do coro galego Cantares do Brión, para de seguido dar continuidade a unha mesa de conversa na que participarán persoas e entidades iniciadoras dos actos en memoria dos Sucesos de Sobredo.

Seguirá a interpretación musical a cargo de Tomás Camacho e o recitado poético de Brais González que dará paso á intervención da representación de familiares dos Mártires de Sobreto, representantes do Concello de Tui e representantes do IEAMSo. A claudura correrá a cargo do coro galego Cantares do Brión.

Doutra banda, o 27 de novembro, a partir das 11:00 h, en Sobredo, haberá un acto de conmemoración do Centenario e o luns, 28 novembro, ás 17:00 h, nomeamento Rúa Mártires de Sobredo, acordado polo Concello de Tui.

100 anos dunha mobilización social sen precedentes

O 28 de novembro cúmprense 100 anos dos Sucesos de Sobredo; até esa data, durante o verán e outono do ano 1922 Galicia vive unha mobilización social sen precedentes; a poboación labrega mobilizábase para esixir que se eliminara o pago dos foros, rendas sobre a terra con orixe en contratos de mais de tres centos ano de antigüidade; realizados nun réxime de señoríos, no que os beneficiarios eran a nobreza, a fidalguía e as entidades eclesiásticas.

O sistema foral, xa en pleno século XX e cun réxime administrativo municipal, seguía en paralelo cobrando rendas á poboación campesiña, que ao mesmo tempo tiña que facer fronte aos impostos públicos. A consecuencia de non pagar a renda do Foro polo San Martiño, unha vez feitas as colleitas, era o embargo de bens.

No final o mes de xullo do ano 1922 celebrase en Tui o Congreso Agrario Galego, no que participaron mais dun centenar de asociacións agrarias representado a toda Galicia; a resolución do Congreso foi non pagar os foros e iniciar unha campaña nos meses seguinte para a súa abolición.

A traxedia desencadease en Sobredo, lugar da parroquia de Guillarei, en Tui, cando o Xulgado realiza un embargo a un veciño que non pagou o foro. A Garda Civil disolve a tiros a concentración dunha multitude de persoas da contorna que, en solidariedade e para opoñerse ao embargo, acudiu a Sobredo guiada polo toque de campás das parroquias veciñas e foguetes ao ar.

A labrega Cándida Rodríguez González, natural de Pazos de Reis, municipio de Tui e os labregos Venancio González Romero, natural de Budiño e Joaquín Estévez Besada, natural de Soutelo, ámbolos dous do municipio de Salceda de Caselas, faleceron por disparos de armas de fogo; sucesos nos que así mesmo resultaron lesionadas, tanto feridas de bala e con contusións e mazaduras numerosas persoas.