Sábado, 10 Maio de 2025

Nos próximos días comezarán as obras de acondicionamento dunha ruta peonil e vía ciclista na Veiga do Louro

Suporá un investimento de 117 mil euros con cargo ao Plan Concellos da Deputación

Nos próximos días darán comezo as obras de acondicionamento da ruta peonil e vía ciclista na Veiga do Louro. O Concello de Tui adxudicou as obras por importe de 117.276,09 €, financiados con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación. A actuación proxectada abranguerá case 1,5 quilómetros dende a intersección coa Ponte Romana até a rotonda situada na PO-404. Sitúase nunha zona moi transitada e que da acceso tanto a senda Tui-Caldelas coma á praia de Areeiros en Guillarei.

O proxecto a executar consiste no acondicionamento da ruta peonil e vía ciclista no marxe esquerdo co obxectivo de acondicionar e mellorar a ruta existente. Por unha banda contémplase a substitución do actual bordillo de separación entre a calzada e a zona peonil e ciclista por un elemento continúo e sen aristas vivas. Deste xeito mellorarase a seguridade xa que o actual sistema supón certo risco para os usuarios ao presentar aristas vivas e separación entre pezas.

Por outra parte co obxectivo de mellorar a seguridade vial os pasos de peóns existentes serán substituídos por outros elevados e con iluminación intelixente para facilitar a súa percepción polos vehículos. Amais crearase un novo que facilitará o tránsito cara á praia de Areeiros. Tamén serán colocados redutores de velocidade.

A actuación a realizar contempla a creación de zonas de descanso e sombra. Para iso incrementarase o número e superficie dos alcorques onde se plantará hedra para aportar sombra. Crearase un banco de formigón corrido con superficie de ladrillo cerámico de cor vermello. A zona delimitarase cunha pérgola metálica con iluminación led empotrada nos perfís superiores, para lograr así a iluminación indirecta do lugar.