O Museo de Pontevedra resolveu onte o concurso fotográfico xuvenil dirixido a mozas e mozos de ESO ou Bacharelato ‘Pegadas do mar e da terra’, baseado na exposición de José Suárez. A participación foi todo un éxito xa que inscribíronse un total de 80 estudantes procedentes de 14 centros (13 da provincia de Pontevedra e 1 de Lugo), concretamente de Catoira, Marín, Cangas, Soutomaior, Sanxenxo, Vilaboa, A Estrada, Vilagarcía, Pontevedra, Bueu, Vigo e Tui.
O xurado estivo formado por técnicos dos departamentos de Educación, Comunicación e Arquivo gráfico do Museo que decidiron, debido a alta participación rexistrada na categoría destinada a estudantes de ESO e a calidade das imaxes presentadas, entregar outro premio nesa categoría en vez de un só, como estaba estipulado nas bases.
[su_image_carousel source=”media: 34697,34698,34699″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]
Os premios do certame recaeron na sección de Bacharelato para Aroa Pérez Cabaleiro, do IES Indalecio Pérez Tizón (Tui), pola fotografía ‘Alimentando na ribeira’; e na sección da ESO (apartado Mar) en Cecilia González Padín, do IES Sanxenxo, pola imaxe ‘Redes viuvas’, e no apartado Terra en Evelyn Freiría Conde, do CPI Progreso (Catoira), por ‘A estreita relación entre as persoas e os animais’, e en Daniela González Isorna, do CPI Progreso (Catoira), por ‘Presente atemporal’.
Todas as fotografías participantes exporanse desde mañá nunha pantalla no edificio Castelao e tamén na páxina web do museo. Os agasallos –que se entregarán este sábado nun acto co director do Museo Xosé Manuel Rey- consistirán en cámaras fotográficas Canon IXUS 185 e Fuji Intax Mini 11.
Hai que lembrar que este certame fotográfico xurdiu como unha actividade complementaria á mostra ‘José Suárez 1902-1974’, un creador que inmortalizou coa súa cámara o traballo das galegas e galegos e as súas pegadas no mar e na terra. Por iso como homenaxe a el, as fotografías presentadas no concurso debían ser en branco e negro e xirar en torno a unha desas dúas temáticas, onde os obxectos e as xentes vencelladas a estes labores tradicionais sexan os verdadeiros protagonistas: aparellos de pesca, marisqueo ou de labranza, pezas de olería, embarcacións tradicionais, etc.