En Tui, un home resultou ferido durante a tarde de onte despois de caerlle unha árbore enriba do coche no que viaxaba.
Sucedeu no punto quilométrico 0 da PO-342, ao fío das sete e media da tarde. Nese momento, a Garda Civil de Tráfico contactou co 112 Galicia para dar conta do accidente.
Axiña, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao servizo de mantemento da estrada, aos Bombeiros do Porriño, á Policía Local e a Protección Civil da localidade.
Segundo a información recollida no 112 Galicia, o home, único ocupante do turismo sinistrado, foi trasladado ao Punto de Atención Continuada de Tui.