As rúas de entrada ao conxunto histórico de Tui, concretamente a rúa Sanz e un treito da rúa Seixas locen dende hai varios días diversas bandeirolas co obxectivo de dar a benvida aos peregrinos que chegan ata Tui polo Camiño Portugués. Foron instaladas pola Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Tui.
Para o concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, esta iniciativa de Turismo de Galicia contribúen ao ornato das vellas rúas tudenses que acollen estas xornadas a un número crecente de peregrinos que visitan a nosa cidade, punto de confluencia dos Camiños Portugueses e, por tanto, porta de entrada do Camiño de Santiago en Galicia a través da ponte internacional.
Esta iniciativa posúe o dobre obxectivo de darlle a benvida aos peregrinos así como animar e sensibilizar ás poboacións de vilas e cidades galegas das rutas xacobeas da súa pertenza aos Camiños de Santiago, promovida pola Vicepresidencia primeira a través de Turismo de Galicia coa denominación de proxecto Xacobeo Benvida, no marco da programación da celebración do Xacobeo 21-22.
Xacobeo Benvida é un proxecto no que se engalan diferentes tramos dos Camiños de Santiago ao seu paso por 37 cascos históricos das catro provincias. En total, algo máis de 200 bandeirolas decoradas con motivos xacobeos cos que se quere implicar á veciñanza na celebración deste Ano Santo excepcional. Esta decoración, coa que se busca facer máis visible a celebración do Ano Santo e do Xacobeo en todo o territorio galego, permanecerá pendurada ata o 30 de outubro, lembrando o vencello destes concellos coas Rutas Xacobeas.