Mércores, 7 Maio de 2025

A Deputación abre este luns a nova oficina provisional do ORAL en Tui

As instalacións cedidas polo Concello veñen dar unha solución transitoria despois do obrigado peche de urxencia, a causa das graves deficiencias estruturais nos locais adquiridos pola Deputación en 2003 ao conselleiro do PP de entón, Diz Guedes

As oficinas provisionais de atención ao público do Organismo de Recadación Local (ORAL) da Deputación en Tui abren este luns gracias á colaboración do Concello, que cedeu un local no Edificio Área Panorámica, na rúa Colón. As oficinas veñen dar unha solución provisional de urxencia tralo obrigado peche, a causa das moitas deficiencias das instalacións actuais.

A Deputación de Pontevedra agradece ao Concello de Tui a súa colaboración e, ao tempo, traballa xa para pechar o aluguer dun novo local que dea unha solución estable na atención á veciñanza de Tui e a súa zona de influencia.

O peche das instalacións utilizadas ata o de agora na rúa de A Coruña foi obrigado diante da súa situación de insalubridade, deficiencias que veñen arrastrándose dende 2003 na súa apertura, motivando sucesivas queixas das traballadoras e traballadores pola situación lamentable das dependencias, e agravada polos últimos temporais. A diagnose realizada polos técnicos provinciais concluíu que as patoloxías do inmoble son de complexa solución, xa que trátase de problemas estruturais que afectan a todo o inmoble, e incluso á rúa no que se atopa.

O deputado, Carlos Font, xa denunciou ás claras as causas da situación actual e amosouse especialmente molesto co Partido Popular por ter criticado o peche das instalacións do ORAL en Tui: “No PP, no canto de protestar, deberían estar dando aclaracións sobre un dos episodios máis vergoñentos da historia dos populares en Tui, que os debería ter agochados sen saír de casa”. Font lembrou que “en 2003 o Goberno do PP na Deputación de Pontevedra comprou nada menos que ao entón conselleiro do Partido Popular de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, Juan Miguel Diz Guedes, un inmoble insalubre, e, aínda máis, por un prezo de case 175.000 euros, como se estivera en Manhattan e non en Tui, e ademais, a un conselleiro do seu partido en exercicio naquel momento como Diz Guedes. Non entendo como en vez de estar fuxidos, aínda se atreven a falar no Partido Popular! engadiu o deputado provincial.