8.7 C
Pontevedra
Martes, 5 de Decembro de 2023
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiA Campaña Toponímizate chega este xoves ao Centro Cultural de Randufe

    A Campaña Toponímizate chega este xoves ao Centro Cultural de Randufe

    Este xoves, 26 de outubro, o Centro Cultural de Randufe acollerá, ás 20 h, unha actividade  da campaña “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra”. É unha iniciativa de divulgación da toponimia galega, coordinada pola RAG, Real Academia Galega,  en colaboración coa Xunta de Galicia, o Concello de Tui e a Asociación Cultural Xuntanza de Randufe. Correrá a cargo de Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG.

    O obxectivo principal deste proxecto colectivo é difundir o valor da riqueza toponímica galega e involucrar a moitos colaboradores e colaboradoras para salvagardar os nomes de lugar a través de Galicia Nomeada, a plataforma colaborativa de recolla toponímica creada conxuntamente entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia.

    Nesta charla falarase de microtoponimia (nomes de leiras, montes, regatos, fontes, penedos, etc.), que sofre un grande risco de perda no noso país, derivada dos amplos procesos de transformación do territorio. Así, haberá varios bloques temáticos nos que se falará da riqueza toponímica que ten Galicia e do risco que corre de perderse; das utilidades prácticas para a Administración, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral de toda esta información cultural unha vez xeorreferenciada e normativizada. Por último, tamén haberá un espazo dedicado a falar do significado dos nomes de parroquias e aldeas do concello de Tui neste caso.  Aínda que o bloque central da charla versará sobre  o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada coa que a veciñanza poderá engadir na plataforma os microtopónimos que coñeza arredor da súa casa. Desde o lanzamento público desta ferramenta dixital, a finais do 2019, foron máis de 67.000 os microtopónimos achegados pola cidadanía e postos á disposición do público na rede. Neste momento xa hai máis de 3.300 persoas colaboradoras rexistradas na plataforma, engadindo nomes en 301 concellos galegos.

    A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, fai fincapé “na importancia deste patrimonio inmaterial que temos o deber de salvagardar, protexer, coidar e divulgar, especialmente nas novas xeracións”, por iso agradece á Xunta de Galicia e á Real Academia Galega que acheguen ata Tui esta campaña. O Concello tudense tamén manifesta o seu interese en promover a colaboración na recolla colectiva da microtoponimia no seu termo municipal, tratando de “facer partícipe o maior número de persoas posibles e facendo medrar esta nosa obra colectiva”, coa vontade de continuar realizando novas actividades nesta temática.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.