“Despois das ondas. Unha viaxe teatral pola vida de María Casares” abre o vindeiro sábado, tras o parón do Covid-19, a Axenda Cultural de Outono do Concello de Tomiño.
Nesta peza, mesturando cinema en directo, teatro e música, percorreranse os lugares e momentos da vida de María Casares, actriz coruñesa de talla internacional considerada musa do existencialismo francés, na súa viaxe de retorno tras corenta anos de exilio.
O espectáculo é unha produción da Deputación da Coruña e Butaca Zero sobre o texto de Ernesto Is, gañador do Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña. O elenco, encabezado por Belén Constenla e Nerea Brey, dando vida a María Casares, conta tamén coa actriz, bailarina e coreógrafa goianesa Sonsoles Cordón, que interpreta unha ampla gama de personaxes que acompañaron á diva coruñesa na súa traxectoria vital, por exemplo, Albert Camus, o seu grande amor.
Completan a axenda outras cinco citas para público infantil e adulto a partes iguais, ofrecéndose as obras para público adulto en días sábado e horario nocturno, e as infantís, en domingo, en horario de tarde.
Todos os espectáculos están programados no Auditorio de Goián, aínda que o aforo verase reducido por mor do protocolo Covid-19, seguindo todas as medidas de seguridade para garantir unha cultura segura.
A segunda das citas culturais deste outono será o vindeiro domingo, 4 de outubro, ás 17.30 horas. O grupo Viravai, chegará coa súa obra “As viaxes de Paio e Aurelio”; unha proposta para público infantil e familiar.
As viaxes de Paio e Aurelio relatan as andanzas dun teixugo molón e un oso polar, que visitarán o Polo Norte, nun espectáculo no que se abordan temas coma a diversidade, as linguas, as culturas, a amizade, a boa alimentación, nun contexto de respecto aos valores fundamentais.
Esta actividade está destinada a familias con nenos e nenas.
A axenda continuará o sábado 17 de outubro, cun Monólogo de Federico Pérez, seguido da obra “A casa do terror”, de Xoán Curiel e A Banda do verán, o domingo 18.
Ademais, é preciso reservar previamente as prazas, chamando ao teléfono 986622001 ou ben enviando un correo electrónico a [email protected].
A venda e recollida de entradas será na taquilla do propio auditorio dende unha hora antes do inicio do espectáculo. Podes descargar todo o programa nesta ligazón.