11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño, un concello comprometido coa compostaxe

    Tomiño, un concello comprometido coa compostaxe

    O municipio, dende a súa adhesión ó Revitaliza da Deputación, impulsou numerosas accións para fomentar o aproveitamento dos biorresiduos

    Tomiño segue apostando decididamente pola compostaxe para converterse nun municipio máis sostible. O Concello, a través do Revitaliza da Deputación, impulsou diversas accións relacionadas coa xestión descentralizada dos biorresiduos entre a veciñanza e os edificios municipais, o que pon de manifesto o seu compromiso pola compostaxe local como alternativa ao actual sistema centralizado de xestión dos residuos. O que constitúe ademáis unha das unha das actuacións máis importantes na aposta do Concello pola economía circular e a sostibilidade.

    Neste senso, intenta facilitar a toda veciñanza a compostaxe, aportando composteiros individuais para cada vivenda con terreno ou caldeiros para cada vivenda en pisos. A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, explica que durante o último ano “repartimos 2.000 composteiros individuais e instaláronse 16 centros comunitarios para dar servizo aos núcleos urbanos das parroquias de Tomiño e de Goián”, e “para os próximos meses estase planificando novas visitas por parte dos técnicos polas parroquias, por unha parte de reparto doutros 1.000 composteiros e por outra, de seguimento e asesoramento ós veciños e veciñas que xa compostan”.

    Por outra banda, para a xestión de restos de poda, Tomiño ofrece á veciñanza un servizo de préstamo de biotrituradoras ou a opción de depositar estes restos nosdez puntos verdes distribuídos polas parroquias. Ademais, para reforzar a calidade e eficacia deste servizo, o Concello adquiriu un camión con guindastre cunha carga útil de máis de 6.500 kg. A concelleira explica que en Tomiño “queremos ir da man dos veciños e veciñas e facer da compostaxe un deber común”, e, por iso, “en vez de mercar trituradoras grandes, que terían que ser manexadas por persoal municipal, apostamos pola compra dunhas máis pequenas, tanto eléctricas coma de gasolina, e que estean a disposición da veciñanza cando o desexen”.

    A Concellaría tamén conta con dous mestres composteiros para reforzar o servizo e darlle un pulo definitivo a implantación da compostaxe en Tomiño. Entre as súas funcións están o control e xestión dos centros de compostaxe comunitaria; as  tarefas de asesoramento e resolución de dúbidas, tanto do proceso de compostaxe como destes servizos asociados; o estudo de inclusión de pequenos produtores singulares (centros de día, cafeterías, restaurantes, etc.) na autocompostaxe e tamén o estudo da evolución deste cambio na xestión do lixo, cara un modelo local e descentralizado.

    Unha páxina web para poder converterse nun bo compostador

    Todas as iniciativas do Concello están destinadas a facilitar que a persoa que o desexe poida converterse nun bo compostador xestionando os seus biorresiuos de maneira sinxela, tanto a nivel individual como comunitario, e así obter un producto de calidade para utilizar na súa propia horta ou xardín. Co gallo de que a información esté sempre ó alcance de todos e todas, creouse unha páxina web (https://revitaliza.tomino.gal/) onde se recollen todos os servizos aos que poden acceder os veciños e veciñas, un formulario de contacto directo co persoal de Medio Ambiente e toda a información precisa para recordar que “unirse a compostaxe é algo doado, cómodo e tamén rendible ecolóxica e economicamente”, conclúe a concelleira.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.