10.8 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño restaura a ponte medieval de Sobrada

    Tomiño restaura a ponte medieval de Sobrada

    A ponte, ben de interese cultural, está nun camiño municipal inventariado que é o antigo camiño que unía Tui co barrio tomiñés de Hospital, coñecido por albergar un hospital de peregrinos

    O Concello de Tomiño vén de recuperar a antiga ponte medieval situada entre as parroquias de San Salvador de Piñeiro e San Salvador de Sobrada, construída sobre o río Furnia.

    A ponte, ben de interese cultural, está nun camiño municipal inventariado que é o antigo camiño que unía Tui co barrio tomiñés de Hospital, coñecido por albergar un hospital de peregrinos do que hoxe en día aínda quedan restos. Realizada en cantería irregular na súa maior parte, presenta un so arco de medio e unha lonxitude total de 15 metros.

    A estrutura foi clausurada hai tempo, advertíndose do seu perigo, pois atopábase moi deteriorada a causa do paso do tempo e as chuvias. Con danos nunha das partes inferiores do arco e un leve afundimento no lousado superior, sospeitábase que as filtracións dende a cara superior lavaron interiormente o material de recheo, provocando o seu esvaramento sobre o leito do río, manténdose, porén, o arco intacto.

    Ponte medieval antes das obras
    Ponte medieval despois das obras

    Co fin de recuperar o estado inicial da ponte e manter o elemento nunhas condicións óptimas de seguridade, así como preservar o patrimonio arquitectónico do Concello de Tomiño, leváronse a cabo traballos de reconstrución do sobrazo, limpeza da vexetación e consolidación e selado do lousado superior.

    A limpeza do lousado da calzada da ponte realizouse en dúas fases: unha primeira mediante o uso de rozadoira equipada con fío e unha segunda fase de forma manual, utilizando ferramentas non agresivas como espátulas, cepillos e vasoiras, eliminando plantas superiores e depósitos de terra sobre as laxas, e incluíndo a tala dun salgueiro que, pola súa proximidade, podería afectar á estrutura.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.