Tomiño implícase un ano máis coa limpeza simultánea de ríos impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Adega, ao abeiro do Proxecto Ríos. Deste xeito, o Concello participará de novo na iniciativa ‘Móllate polos ríos’, unha xornada de retirada de lixo da beira do río, coa que se busca concienciar á sociedade sobre a necesidade de manter limpos de residuos os cursos fluviais, para garantir a súa saúde.
Este ano o Concello celebrará esta xornada de sensibilización e limpeza o vindeiro luns 25 de setembro, co obxectivo de abrir as portas á participación e implicación de todo o alumnado dos centros escolares tomiñeses. Nesta ocasión o lugar de encontro, para a veciñanza que se apunte como voluntaria, será a Praza do Seixo, diante da Casa do Concello, ás 10.00 horas.
A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, convida a toda a veciñanza e a grupos ou asociacións a que se unan a esta iniciativa que en edicións anteriores mobilizou a miles de voluntarios e voluntarias por toda Galiza que retiraron decenas de toneladas de residuos dos ríos e da súa contorna.
A actividade está aberta a todos os públicos. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través da páxina web do Concello, mentres que as asociacións ou centros educativos que desexen implicarse poderán facer a súa inscrición a través do correo electrónico [email protected] ou chamando ao teléfono 986 62 20 01, extensión 6. En caso de que algún grupo estea interesado en participar nesta iniciativa noutra data, debe comunicalo ao Concello para facilitarlle o material necesario e organizar a xestión de todos os residuos recollidos.
Para participar nesta limpeza simultánea recoméndase levar roupa cómoda para camiñar, gorra e protección solar en caso de que o tempo o demande e calzado para a auga ou de recambio por se se molla durante a actividade.
Máis info: https://proxectorios.org/projects/xv-limpeza-simultanea-de-rios-mollate-polos-rios/