Sábado, 3 Maio de 2025

Tomiño incrementa nun 30 % o orzamento para o Servizo de Axuda no Fogar

O Concello que preside Sandra González reafírmase na súa aposta polo servizo que contará cun investimento de 600.000 €

Tomiño aposta por un modelo de Servizos Sociais Comunitarios de atención primaria no ámbito da proximidade no que a prioridade sexan os propios veciños e veciñas, un modelo no que o Servizo de Axuda no Fogar ten cada ano un papel máis protagonista. Por este motivo, o Concello incrementou en máis dun 30 % a partida orzamentaria destinada a este servizo para este ano, o que suporá un investimento total de 600.000 euros nun servizo “indispensable” que busca garantir o coidado de persoas en situación de dependencia.

“É un servizo de calidade que se ven ofertando aos usuarios e usuarias de servizos sociais e que non só beneficia ás persoas en situación de dependencia que están dentro do programa, senón tamén aos seus coidadores, mellorando a calidade de vida de ambos”, destaca Cristina Martínez, concelleira responsable da área de Benestar Social.

Un servizo que actualmente conta con 114 usuarios e usuarias atendidos por 40 auxiliares socio-sanitarios especializados e en formación continua para axustarse ás novas realidades e necesidades que poidan xurdir neste campo e mellorar a calidade do programa. Cada ano o Concello de Tomiño organiza coa empresa adxudicataria do servizo, IDADES S.L., novos cursos formativos tanto para o persoal que xa traballa no servizo como para futuras e futuros auxiliares-sociosanitarios. O ano pasado, os traballadores e traballadores do Servizo de Axuda no Fogar realizaron un total de 40.000 horas para atender a demanda do programa.

O programa de axuda no fogar inclúe servizos de fisioterapia, podoloxía, acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables, así como tamén axudas técnicas como grúas de mobilización persoal, camas articuladas, andadores, cadeiras de rodas, cadeiras de ducha-baño e outros materiais necesarios para o coidado de persoas maiores ou enfermas.