Sábado, 3 Maio de 2025

Tomiño énchese de bo humor esta fin de semana con dous espectáculos imprescindibles

O mes do humor continúa en Tomiño con dúas obras de teatro imprescindibles esta fin de semana, dous espectáculos de gran nivel, un para público adulto e outro para toda a familia, que durante unhas horas transportarán ao público a divertidas e entretidas realidades. 

Ibuprofeno Teatro desembarcará no auditorio de Goián este sábado 21 de outubro coa súa galardoada ‘Smoke on the water’, unha traxicomedia sórdida, unha historia de sexo, drogas e rock and roll na que todo flúe de xeito orgánico dende que se encende o primeiro foco ata o éxtase final.

O escenario é a casa de Amparo, enferma en cadeira de rodas, e onde viven o seu fillo Ritchie, ancorado na música dos 70 e cunha tenda de vinilos de colección, e a súa muller Janis, que hai anos que non canta e estuda filosofía na universidade. O seu matrimonio sobrevive despois de 25 anos de crise permanente. Unha relación de dependencia que se ve ameazada pola aparición de Álex, un gigoló de ideoloxía vandálica e transgresora que se namora de Janis. O rock and roll é o pano de fondo deste enredo amoroso-financeiro entre un grupo de seres humanos torpes, frustrados, desgastados e maltratados pola vida que provocan tenrura e compaixón.

Recoñecida con dous Premios María Casares, un a Mellor Actor Protagonista e outro a Mellor Espazo Sonoro, a obra poderá verse ás 21.00 horas con entrada de balde.

O domingo 22 será a quenda de ‘Nina Ninette’, un espectáculo de danza contemporánea de Paula Quintas Cía para público infantil e familiar enmarcado na estética do Ballet Triádico de Oskar Schlemmer, no que a figura dunha cincenta actual representa unha nena oprimida que loita para transformar a súa realidade, converténdose nunha heroína por méritos propios e sen necesidade de atopar un príncipe.

Nina, valente e alegre a partes iguais, atopa unhas flores moi especiais que a levan a descubrir un mundo fantástico habitado por seres máxicos, poderosos e divertidos. Pero estraña o seu fogar e decide marchar. A cuestión é que ese mundo é un labirinto no que é moi doado entrar, pero moi complicado saír. O público poderá descubrir se Nina consegue saír airosa desta aventura ás 17.30 h no auditorio de Goián. As entradas, que terán un custe de 5 euros, estarán dispoñibles unha hora antes no despacho de billetes do auditorio.