Tomiño aproba en pleno de maneira inicial os orzamentos municipais para o ano 2021

Tamén se aprobaron mocións de apoio á Atención Primaria e aos emigrantes retornados

O Concello de Tomiño aprobou onte de maneira inicial os seus orzamentos para o 2021 no pleno municipal. En total ascenden a 7.725.000 euros, incrementándose un 5% con respecto ao ano 2019 e lixeiramente superiores aos de 2020. Destaca especialmente o aumento da partida destinada aos servizos sociais, que pasa de 940.000 a case 1.150.000 euros, un incremento do 23% con respecto ao ano anterior.

Duplícanse tamén as axudas destinadas ao mantemento e mellora dos sistemas de traída de augas, que se duplica pasando dos 50.000 aos 100.000 euros, e conxélanse os impostos e taxas, ademais de contemplar a redución aprobada no anterior pleno para bonificar a taxa do lixo aos negocios que tiveron que pechar pola crise da Covid-19.

Modificación da RPT

Foi tamén sometida a pleno a proposta de modificación puntual da RPT do Concello de Tomiño, co obxectivo de crear dúas novas prazas necesarias para o funcionamento do Concello: unha praza de técnico de xestión no departamento de secretaría e outra de técnico de medio ambiente.

Mellora da Atención Primaria

No pleno tamén foron debatidas varias mocións presentadas polos diversos grupos parlamentarios, como a respaldada pola plataforma SOS Sanidade Pública, na que denuncian a situación na que se atopa a Atención Primaria, con demoras e masificación da asistencia como consecuencia dos recortes orzamentarios.

Desde a plataforma instan á Consellería de Sanidade a implantar un protocolo anticovid que estableza circuítos seguros de mobilidade, coa intención de poder recuperar inmediatamente as consultas presenciais, limitando ás consultas telefónicas como actividade complementaria. Tamén esixen acabar coa precariedade laboral do persoal aplicando un “Plan de Mellora da Atención Primaria”, e incrementar de maneira urxente o orzamento destinado a esta área sanitaria.

Defensa dos emigrantes retornados

Tamén foi aprobada unha moción en defensa dos emigrantes retornados, que denuncian o trato fiscal discriminatorio ao que son sometidos por percibir pensións de outros países. Solicitan a modificación da lexislación actual para evitar esta realidade que os emigrantes levan sofrendo desde fai anos, que se recoñeza e se homologue o grao de invalidez recoñecido no país de orixe da pensión e que se garanta o dereito á Seguridade Social Universal para todos os galegos e galegas retornadas, tal e como se garante na Constitución e que non se está cumprindo.