Este sábado 23 de marzo Sandra González presentará en acto público no Auditorio de Goián, ás 20:30 horas, a súa concorrencia como candidata á alcaldía de Tomiño para as vindeiras eleccións locais de maio. Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, e Miguel Anxo Fernández Lores, actual alcalde de Pontevedra e candidato á alcaldía da cidade, arrouparán á candidata neste acto público.
Este acto supón o arranque da precampaña e seguiranlle, sinalan dende a organización nacionalista, reunións coas veciñas e veciños, asociacións, comunidades e axentes sociais co fin de presentar o proxecto e recoller as inquedanzas e preocupacións da poboación.
O BNG salienta que o proxecto de futuro para Tomiño que lidera Sandra González “vén de acadar nos últimos 10 anos grandes cambios e melloras dos que moitas veciñas e veciños de Tomiño fanse eco”. Tamén fóra de Tomiño é ben coñecido o desenvolvemento acadado “gracias á xestión do goberno que Sandra González liderou nos últimos anos”, aseguran os nacionalistas que engaden a necesidade de “consolidar este proxecto de futuro” que na actualidade conta con moitas iniciativas xa en curso e, poñe como exemplo, a Avenida de Tomiño, a peonalización das rúas da contorna do Seixo, a remodelación da praza de Goián e o plan integral de melloras no núcleo de Goián, entre outros moitos.
“A ilusión que infunde o que está por vir é a arma coa que Sandra González se enfronta ás eleccións deste ano, nas que espera renovar a confianza de veciños e veciñas de Tomiño para, todos e todas xuntos, seguir traballando por un Tomiño do que sentirse orgullosos e orgullosas”, conclúe o BNG.