Sábado, 3 Maio de 2025

Os populares de Tomiño cren que o goberno local abandonou ás parroquias nos orzamentos 2022

O Partido Popular de Tomiño votou en contra dos orzamentos de 2022 porque son un ano máis “un mero documento de funcionamento para o concello, continuísta e que non recolle as necesidades que teñen as parroquias, que seguen abandonadas polo goberno local”.

Para o voceiro do grupo municipal do PP, Esteban González, o máis chamativo é que o capítulo de investimentos reais que repercuten no beneficio dos veciños de Tomiño só representa o 4 % do orzamento. Mentres que, engade, o 87 % está destinado a persoal e gastos correntes, “destacando os 230 mil euros que destinan a soldos do goberno”. Inaceptable se temos en conta que a recaudación aumenta en 422 mil euros e o anexo de inversións só 65.000.

Ademais, cuestiona que o Goberno local apostase pola creación de dúas prazas na modificación da RPT, técnico de xestión e técnico de medio ambiente, “algo que a priori, como denunciabamos hai un ano, non resulta tan urxente, se temos en conta a situación da Policía Local de Tomiño, demostrando que a falta de policía local non é unha prioridade para este Goberno, que fai caso omiso ás denuncias e reclamacións para garantir a seguridade cidadá”.

Para González, o capítulo de investimentos deixa plasmado, unha vez máis, o abandonando das distintas parroquias. “Queda máis que demostrada. Dos 360.000 euros que reservan, gran parte vai destinado a gastos dos distintos departamentos e pagos de proxectos”. O mesmo ocorre co apoio ao comercio local, engade, para o que só se destinan  5000 euros “no momento que máis apoio precisan”. Para o voceiro popular, “deixan ben claro que non apostan polo pequeno comercio nin contan coa súa opinión, cando hai escasos cinco anos se lle destinaba 25.000 euros”.

No que respecta a servizos sociais, Esteban González entende que “é moi doado presumir do aumento no investimento en servizos sociais e na axuda do fogar, cando a Xunta de Galicia achega 488 mil euros para dependencia, 73.000 euros máis que o ano anterior”. E recorda que o goberno central segue destinando só o 24 %, cando ten a obriga de pagar o 50 %.

Para o popular, outro dato que reflicte “o retroceso e regresión” na que se atopa este Goberno é que tampouco é capaz de priorizar e ofrecer investimentos encamiñados a resolver “un dos graves problemas que teñen moitos fogares, que seguen sen saneamento”. Recorda que é unha competencia municipal para a que só destinan 30.000 euros, e que deixan ben claro que non pretenden solucionar os graves problemas de entrada masiva de augas brancas nos distintos colectores da rede de saneamento municipal, e que saturan a EDAR.

Por último, Esteban González, esixe ao goberno do BNG que priorice os investimentos do Plan Concellos no que realmente é urxente e que se descoñece en que van a investir a día de hoxe; recordando unha vez máis que “A decisión de onde investir o Plan Concellos é exclusivamente do goberno local, que nos últimos anos optou por elixir obras de foto cara a galería”.