Sábado, 3 Maio de 2025

O PSOE de Tomiño reprocha ao Goberno local a falta de investimentos no comercio local e a hostalaría

O PSdeG-PSOE de Tomiño denunciou na última sesión plenaria da corporación, que na súa orde do día contaba cunha modificación de crédito de prego dun millón de euros, “a falta de investimentos no comercio local e a hostalaría”. Segundo a portavoz socialistas, Violeta de Santiago “debemos ser o único Concello da contorna que non inxectou nin un só euro no comercio local, un dos sectores, xunto a hostalaría, máis afectado por esta pandemia”.

Ao mesmo tempo, as concelleiras socialistas, Violeta de Santiago e Mirta Misa, acusaron ao goberno nacionalista de “vender fume malgastando 30.000 euros nunha market place que non funciona.

Logo de denunciar o reiterado incumplimento do acordo de investidura, ao terse celebrado esta sesión plenaria máis de dous meses despois da última, as concelleiras do PSdeG puxeron o punto de mira na ausencia de investimentos no turismo –”seica está pasado de moda ou que a pandemia ofrece a excusa perfecta”, afirmou Violeta de Santiago–, Formación, Conciliación, Igualdade, Normalización Lingüística ou Servizos Sociais.

As concelleiras aseguraron que, a vista dos feitos, “o Concello aposta por activar a economía das grandes empresas deixando na cuneta ás persoas”.

Por outra banda, o grupo municipal socialista cualificou de “falta de respeto non só ao noso grupo, senón ao Pleno,” o incumprimento da moción aprobada, por unanimidade, en novembro pasado que facía referencia á gravación das sesións plenarias como medida de transparencia.