Domingo, 4 Maio de 2025

O PSOE de Tomiño pide que a a aprobación do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible non quede “só sobre o papel”

A Corporación Municipal de Tomiño aprobou por unanimidade, no último pleno ordinario do mes de novembro, o Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES). A concelleira do PSdeG-PSOE Mirta Misa insistiu en que as propostas “non queden tan só sobre o papel” porque considera imprescindible “informar e asesorar á veciñanza na tramitación das axudas para a adaptación das vivendas, implantar puntos de recarga para vehículos eléctricos, transporte público axeitado, etc”.

As concelleiras socialistas denuncian –porque este documento o evidencia–, que a día de hoxe “o Concello de Tomiño non conta con Plans de Emerxencias contra inundacións, nin contra períodos de seca, nin contra incendios forestais” polo que esixen a súa redacción e aprobación de “maneira urxente”.

Por outra banda, as socialistas reuníronse nestes días con parte do tecido comercial do municipio perxudicado pola peonalización da Avenida Ordoñez, arteria principal da vila de Goián. Estes comerciantes amósanse “radicalmente en contra desta obra” ao considerar que os perxudica enormemente e poñen enriba da mesa “alternativas viables e sensatas”.

“Pedimos que se escoite e se atenda as veciñas e veciños, pois este Goberno presume de que ‘o Concello escoita’, e consideramos que non se pode dar as costas a esta grave problemática que podería ser a estocada final para Goián”, afirma a portavoz socialista, Violeta de Santiago, quen lembra que no citado PACES “fálase de reduccións de velocidades que é xustamente o que este Goberno presentou e prometeu para esta Avenida na precampaña electoral no Centro Goianés”.