Sábado, 3 Maio de 2025

O PSOE de Tomiño lamenta que se achaque a “temas políticos” a dimisión do Concelleiro de Tráfico

As e os socialistas tomiñeses aseguran que simplemente se debe “a unha serie de posibles infraccións” que en ningún caso foron desmentidas públicamente

Ante a publicación dun post nas redes sociais no que se involucraba supostamente ao concelleiro de Tráfico de Tomiño en diversos incidentes –acontecementos que remataron coa dimisión do edil– e as acusacións, totalmente carentes de fundamento, de ser unha campaña orquestada polo PSOE tomiñés, as e os socialistas do municipio veñen de facer unha serie de matizacións de cara a clarificar os feitos.

A agrupación socialista foi coñecedora dos acontecementos nos que estaba presuntamente involucrado o concelleiro de Tráfico “a noite do 14 de abril a través dunha publicación subida ás redes sociais”. Os feitos relatados, engade a Agrupación Socialista de Tomiño, “non foron desmentidos nin de maneira persoal nin oficial” e, ante o malestar e preocupación da veciñanza por ditos incidentes “fixemos pública a nosa intención de pedir explicacións en sede plenaria” e, de non darse ou ser insuficientes, as e os socialistas pedirían “que se asuman as responsabilidades pertinentes” algo que, recalca o PSOE, “non é máis que cumprir coa nosa obriga de darlle voz aos veciños e veciñas que así o demandan”.

En todo caso, “as responsabilidades neste turbio asunto son exclusivamente da persoa ou persoas implicadas”, polo que lamentan que se lle bote a culpa a “motivos políticos” xa que a súa dimisión “ven motivada por uns supostos feitos e non por unha suposta polémica política”.

O certo é que nas redes aparecen publicadas “unha serie de posibles infraccións que nin foron desmentidas publicamente nin se teñen presentado probas da súa falsedade”.

O PSOE tomiñés cualifica cando menos de “curioso” que 20 días despois dos feitos que deron orixe á dimisión do concelleiro “resulte que a culpable é a oposición” o que leva a preguntar “en base a que, e con que fundamentos, probas ou evidencias, faise esta acusación?”

Doutra banda as e os socialistas botan en falta “un comunicado oficial da Alcaldía, ante a evidencia de ter aceptada a dimisión do seu edil” e lembran que os cargos públicos e políticos “debemos dimitir se hai razóns para elo, asumindo as responsabilidades e consecuencias dos nosos actos” pero apuntan que “o que non é normal en democracia é culpar á oposición dos erros propios”.

Finalmente entenden que Alcaldía de Tomiño “está contribuíndo a esta anormalidade democrática, cando permite que se vertan este tipo de acusacións falsas e infundadas co único fin de desviar a atención”.