Sábado, 3 Maio de 2025

O PSOE de Tomiño asegura que a recollida de firmas do BNG a prol da sanidade pública “é un fraude”

Os socialistas de Tomiño aseguran que a campaña de recollida de firmas en favor da sanidade pública, levada a cabo ao longo desta semana polo BNG no Concello de Tomiño, “é un fraude por non ter validez ningunha ao non requerir nin a sinatura nin o número do DNI dos asinantes”.

As concelleiras socialistas, Mirta Misa e Violeta De Santiago, ante a evidencia de non estar solicitando o DNI, consultaron diferentes fontes xurídicas con idéntico resultado: “todas esa firmas non son válidas”. 

Cómpre salientar que para que unha sinatura sexa válida para presentar ante un xuíz ou ante o Parlamento, como pretende o BNG, necesítase nome completo, número de DNI e sinatura en follas seguidas, polas dúas caras e sen espazos entre unha folla e outra. Esta é a única maneira de  poder acreditar e verificar  ditas firmas.

Violeta de Santiago e Mirta Misa, amosan o seu “estupor” ao comprobar que a razón esgrimida para non esixir o DNI é a COVID-19. 

“Non entendemos –aseguran– a relación causa efecto que poida derivarse de aportar un DNI ou asinar, co virus, sobre todo cando o bolígrafo é compartido por todas e todos os firmantes, polo que consideramos absurdo o argumento dado como excusa”

Á vista destes feitos, o PSdeG-PSOE esixe ao goberno municipal do BNG “un mínimo de seriedade e rigor ante un problema tan grave como o da sanidade pública en Tomiño”. As edís socialistas apuntan que “non se pode comprender como gobernando dende hai casi 14 anos se poidan cometer erros como este e mesmo pareza unha burla as persoas usuarias. A veciñanza de Tomiño non merece este trato. Poñámonos a traballar xuntos polo ben común!”, rematan