Domingo, 4 Maio de 2025

O Grupo Municipal Socialista de Tomiño cualifica como “crítica” a situación que vive a Policía Local

As concelleiras socialistas de Tomiño, Violeta de Santiago e Mirta Misa veñen de cualificar como “crítica” a situación que vive a Policía Local que, con tan só dous efectivos “intenta manter o servizo” o que, sinalan, “é prácticamente imposible e está a causar problemas na veciñanza”.

Na sesión plenaria do pasado 12 de xaneiro –cando o servizo aínda contaba con catro efectivos– as concelleiras socialistas preguntaron sobre este asunto ao Goberno nacionalista, sinalando o concelleiro delegado “a inminente comisión de servizo ou contratación de auxiliares”.

O Grupo Municipal Socialista lembra que a comisión de servizo “queda descartada xa que as alcaldías da contorna non se permiten prescindir de persoal” e no que a cubrir a praza vacante fai referencia “por moito que se queiran apurar os prazos agora, o proceso levaríanos ata o ano 2022” e esperan que, polo menos, chegue un auxiliar no mes de febreiro.

Violeta de Santiago, voceira do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño, criticou que o Goberno nacionalista aprobe unha modificación da RPT (Relación de Postos de Traballo) para incorporar senllos postos de técnicos de Xestión e de Medio Ambiente, “cando a Policía Local está nesta precaria situación, sen dúbida froito dunha mala xestión”.

Nun concello de grande extensión e dispersión como Tomiño, as socialistas consideran que  “non se pode consentir unha situación como a actual”, e lembran que estamos a padecer unha crise pandémica sen precedentes “e non contamos cun servizo que vele pola nosa seguridade nin polo cumprimento das restricións actuais”. 

Pero o realmente inaceptable, –enganden as concelleiras do PSOE– “é a falta de transparencia deste Goberno que non comunica aos veciños e veciñas o que está a acontecer e que consinte, sen  ningún pudor, que a maioría da poboación verta sobre a Policía local o seu malestar, enfados e protestas, a sabendas de que é unha inxustiza”.