Domingo, 16 Marzo de 2025

O Goberno de Tomiño rexeita unha iniciativa plenaria do PSOE para a creación dun punto limpo pese a recoñecer “que é unha boa moción”

O grupo Municipal Socialista do Concello de Tomiño presentou no pleno do pasado día 12 de novembro unha iniciativa para a creación dun Punto Limpo no municipio, proposta rexeitada polo Goberno local “pese a recoñecer que é unha boa moción”, sinalan as concelleiras socialistas Mirta Misa e Violeta de Santiago. Foi precisamente Violeta de Santiago que defendeu na sesión plenaria a necesidade da implantación dun Punto Limpo para evitar verquidos incontrolados ao longo e ancho do Concello.

De Santiago lamentou que, “ao non contar con este servizo, non poidamos acollernos ó proxecto STRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a xestión dos resíduos de aparatos electricos e electrónicos) cofinanciado polo FEDER a través do programa POCTEP para Galicia e norte de Portugal, liderado pola Deputación de Pontevedra”. 

Doutra banda o PSOE tomiñés presentaba outra moción no pleno, aprobada esta si por unanimidade, sobre as gravacións das sesións plenarias. Mirta Misa lembrou que as concelleiras socialistas levan todo o mandato pasado, así como o que vai deste, reivindicando a gravación e difusión dos P!enos. “Nestes momentos de pandemia –dixo Mirta Misa– esiximos esta ferramenta para garantir a transparencia, a información e a participación veciñal”. Na mesma iniciativa, as concelleiras socialistas reclamaban a creación dunha hemeroteca “na que queden arquivadas as gravacións íntegras así como as mocións presentadas, sexan aprobadas ou rexeitadas”.

As concelleiras socialistas volveron a preguntar polas verteduras no río Tollo así como pola  creación dunha Plataforma da Sanidade Pública, ( solicitada con anterioridade  polo grupo Socialista). Así mesmo pediron información sobre a publicitada construcción da ponte peonil sobre o río Miño e cal foi o investimento nese proxecto. “150.000€ de diñeiro público malgastados en fume!!” aseguraron as edís socialistas. Violeta de Santiago e Mirta Misa pediron tamén a mellora da marquesina na rotonda  da farmacia “que nos días de choiva e como si non houbera”. “Agardamos que en breve sexan emitidas as Sesións para que as veciñas e veciños aseguren o seu dereito ás información” remataron as concelleiras do PSdeG-PSOE de Tomiño.

Dentro doutros puntos da orde do día, o Pleno aprobaba por unanimidade a proposta de adicar unha rúa ao escultor Xoán Piñeiro en Goián, localidade onde residía e tiña ó seu estudo, así como o Regulamento do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia do Concello de Tomiño a instancias de UNICEF, que require da súa aprobación en Sesión Plenaria. Finalmente, tamén era aprobada por todos os grupos políticos, unha Declaración Institucional polo 25N, día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.