O CRA Mestre Manuel Garcés de Tomiño embárcase nunha nova aventura ao ser seleccionado o seu proxecto para levar a cabo durante os vindeiros dous cursos, un programa de cooperación co colexio “Els Arrels” da Comunidade Valenciana; centro coñecido tamén por ser un referente innovador na súa comunidade, e co que comparte intereses educativos ao ter unha visión similiar da infancia.
Explica Antón de Valenzuela, director do centro, que esta colaboración é froito da participación no programa de Agrupación de Centros Educativos convocado pola Subdirección General de Cooperación Territorial e Innovación Educativa. “A participación neste programa posibilitará poder contar con máis recursos e formación para desenvolver o que para o noso centro era unha demanda, cunha temática na que xa traballamos os últimos cursos e na que este ano participa todo o claustro dentro do Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP), ao que polo tanto poderemos sacarlle moito máis rendemento”,comenta.
Por medio desta colaboración o CRA, formado por 13 aulas espalladas polas diferentes parroquias de Tomiño (con escolares de 3 a 6 anos), desenvolverá un proxecto común centrado na observación-documentación, de xeito que poida compartir experiencias e puntos de vista, así como levar a cabo un intercambio de visitas de mestres entre os dous centros, e como broche final, unha visita común a un centro específico Reggio Emilia en Italia.