Sábado, 10 Maio de 2025

Na comarca do Baixo Miño, catro concellos reciben achegas da Deputación para fomentar a igualdade e previr as violencias machistas

O total das subvencións supera os 21.000 euros destinados aos concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui

A Deputación de Pontevedra vén de conceder subvencións por un total de 21.010 euros a catro concellos da comarca do Baixo Miño coa fin de fomentar a igualdade de oportunidades e previr a violencia de xénero. En concreto, serán os concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui os que se beneficien destas achegas, coas que levarán a cabo diversas accións nos seus territorios.

Máis polo miúdo, A Guarda contará con 5.340 euros cos que levará a cabo o proxecto “Igualando 2020”, co que se realizarán diferentes actividades como a celebración do 8 de marzo ou obradoiros en centros educativos. Para O Rosal a Deputación aprobou un investimento de 4.961 euros que irán destinados ao proxecto “Revolucionando mentes”, unha campaña de difusión e sensibilización en igualdade a través da intervención artística. Tomiño levará a cabo un programa formativo de inserción laboral e orientación para o emprendemento dirixido a mulleres cunha achega de 5.397,11 euros. Amais, o concello de Tui elaborará o seu terceiro plan municipal para a igualdade efectiva entre homes e mulleres grazas a 5.311,44 euros concedidos polo ente provincial.

Estas axudas da Deputación de Pontevedra, destinadas a concellos de menos de 20.000 habitantes, contan na súa quinta edición cun orzamento de 230.000 euros, 10.000 máis que o pasado ano, e delas beneficiaranse 44 concellos da provincia, un máis que no 2019. O obxectivo destas subvencións é traballar en estreita colaboración cos concellos para que impulsen e realicen actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria e que loite contra as violencias machistas, tanto no eido da concienciación como no da formación. Esta cooperación entre institucións é fundamental ó tratarse dos niveis máis próximos á cidadanía e polo coñecemento que os concellos teñen da súa poboación.