Sábado, 3 Maio de 2025

A Xunta lembra que o BNG goberna nalgúns dos municipios galegos máis beneficiados polo apoio de Augas de Galicia

Lémbralle á alcaldesa de Tomiño que pode asumir de forma inmediata o funcionamento da depuradora municipal, que xestiona Augas de Galicia proporcionándolle un inxente apoio técnico e económico a este municipio nas súas competencias

A Xunta de Galicia lembra que o BNG goberna nalgúns dos municipios galegos máis beneficiados polo apoio que presta Augas de Galicia aos concellos no exercicio das súas competencias de saneamento, abastecemento e depuración.

A Xunta lamenta as mentiras do partido nacionalista sobre a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga.

O obxectivo do anteproxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, actualmente en tramitación, é ordenar, reforzar e estender esa axuda a todos os concellos que o soliciten, sen crear novos impostos.

Un dos concellos máis beneficiados por ese apoio da Xunta en materia de servizos da auga é Tomiño, cuxa alcaldesa se manifestou en contra do modelo de axuda impulsado pola Administración autonómica, que lamenta a súa incoherencia.

A pesar de que as competencias en saneamento e depuración de auga residuais son municipais, o Concello de Tomiño rexeita asumir a xestión da depuradora municipal e acepta que sexa Augas de Galicia quen se encargue do seu funcionamento desde hai anos, proporcionándolle un inxente apoio económico e técnico a ese municipio.

O Goberno galego lémbralle á alcaldesa de Tomiño que, se non está de acordo co modelo de apoio que lle proporciona a Xunta ao seu municipio, pode asumir de forma inmediata a xestión da depuradora municipal, facéndose cargo dos custos e da responsabilidade da súa explotación e o seu mantemento.

O anteproxecto de Lei de mellora de xestión do ciclo integral da auga pretende ordenar e reforzar o apoio que a Xunta presta aos concellos nas súas competencias de xestión dos servizos do ciclo da auga. Dunha banda, establécese un modelo viable para que se poida estender a colaboración a todos os concellos que voluntariamente o soliciten e, doutra banda, habilítase a canle para que ese apoio se poida ampliar á xestión de novas instalacións, como os sistemas de colectores, para aumentar a eficacia.

O fin último da norma que está a impulsar a Xunta é mellorar os servizos que se prestan aos cidadáns e a calidade das augas de Galicia, sen subir taxas nin crear outras novas, limitándose a reordenar as que xa existen.

Actualmente, nos concellos nos que xestiona a depuradora, a Xunta recada o chamado ‘coeficiente de vertido’ que, coa nova lei pasará a denominarse ‘canon de xestión de depuradoras’, para adecuarse máis á súa funcionalidade. Nos concellos nos que a Xunta non xestiona a depuradora os custos son recadados polo concello correspondente e así continuará a ser coa nova Lei.

Do mesmo xeito, será a Xunta quen pase a cobrar polos servizos de saneamento naqueles concellos nos que empece a xestionar os colectores, substituíndo a taxa que antes recadaba o municipio.

Polo tanto, o anteproxecto de Lei non leva aparellada a creación de novas taxas. A ordenación dos sistemas xestionados por Augas de Galicia permitirá aplicar economías de escala e a implementación de medidas de eficiencia fará posible aforrar custos, o que redundará nunha diminución dos gastos asociados á prestación dos servizos.

O Goberno galego empraza ao BNG a abandonar as falsidades e as declaracións irresponsables sobre a xestión da auga, así como a asumir de forma efectiva un compromiso real cos obxectivos sociais e ambientais de mellora da calidade das augas.

O anteproxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga está a ser tramitado con total transparencia e participación por parte da Xunta, que recentemente celebrou un webinario para explicarlles a todos os concellos e entidades interesadas o contido da normal. O período de consultas públicas foi aumentado en 15 días en virtude do acordo acadado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).  O vindeiro venres terá lugar un novo encontro ao que están convocadas a FEGAMP es Deputacións provinciais para informar sobre os detalles do proxecto.