A Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Tomiño presentou onte, no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, escrito dirixido ao conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña, solicitando unha xuntanza de traballo para poñer no seu coñecenento, de maneira directa, as eivas e deficiencias que afectan e danan gravemente o benestar e a saúde dos cidadáns Tomiñeses.
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Tomiño, manifesta que “sería oportuno e lóxico” acudir a esta cita coa información solicitada ao Concello de Tomiño sobre o estado e situación actual do Consultorio de Goián, pero “ante o silencio incomprensible e mesmo inadmisible por parte do Goberno Municipal”, optou por solicitar a reunión xa, “pois o tempo corre na nosa contra”, aseguran.
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Tomiño manifesta a sua intención de seguir traballando e loitando por unha Sanidade Pública de Calidade para todas e todos os Tomiñeses. “Porque é o noso ben máis prezado e porque coa SANIDADE non se xoga!!!”, conclúe a Plataforma