Sábado, 3 Maio de 2025

A OMIX de Tomiño propón un obradoiro de bailes de serán

A OMIX de Tomiño prepara para o vindeiro mes de maio un obradoiro de bailes de serán, un taller de catro horas de duración no que os mozos participantes “poderán coñecer os aspectos básicos do baile popular galego, entendelo como unha forma de expresión, gozar dun ambiente igualitario e libre de estereotipos de xénero, asociar o baile a unha forma lúdica de expresión social e vincular a transmisión oral popular coa música e o baile”.

O baile popular é unha parte fundamental de calquera cultura, xa que está vencellado á historia e á sociedade, así como á lingua, á música e incluso ás profesións propias dun territorio. Por este motivo, a OMIX de Tomiño organiza este obradoiro para achegar á mocidade o baile popular galego, que mostra unha gran riqueza e diversidade, en parte pola orografía e a dispersión demográfica, que permitiu que chegaran ata hoxe formas de expresión moi antigas.

O curso impartirase o sábado 13 de maio de 16.00 a 20.00 horas no Espazo Mercado de Goián. Este obradoiro está destinado a mozos e mozas a partir de 12 anos e terá un custo de 10 euros. A inscrición para participar xa está aberta na páxina web do Concello.