Luns, 9 Decembro de 2024

A lontra ‘Mizi’, mascota do Festival Infantil da Eurocidade Cerveira-Tomiño

Aproximadamente 2.000 estudantes de todos os centros educativos dos concellos irmandados de Vila Nova de Cerveira e Tomiño, desde educación infantil ata secundaria, aceptaron o reto da Eurocidade de elixir a mascota para o Festival Infantil Transfronteirizo ‘Aventura na Terra da Amizade’. ‘Mizi’, unha lontra de río típica da zona, foi a proposta gañadora.

O proceso organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño comezou, hai xa uns meses, cunha invitación dirixida a 13 deseñadores de Galicia e do Norte de Portugal para crear modelos de mascotas que, logo da avaliación do xurado designado, se reduciu a tres propostas finalistas: ‘Mizi’, ‘Pinhas’ e ‘Minius’.

Grazas á estreita colaboración das direccións dos centros educativos e do profesorado de cada clase, todo o alumnado de ambos concellos fronteirizos participou libremente na elección do seu deseño favorito, nunha experiencia de cidadanía activa. Despois de contabilizar os aproximadamente 2.000 votos, ‘Mizi’ foi a proposta máis votada cun 48,60 %, seguida de ‘Pinhas’ cun 32,80 % e ‘Minius’ cun 18,60 %.

Nunha combinación das palabras ‘amizade’ e ‘Minho’, ‘Mizi’ está inspirado nun animal típico da zona como a lontra de río, un peculiar mamífero con graciosos movementos que habita entre a auga e a terra. Para o verán de 2021, a 2a edición do Festival Infantil Transfronteirizo Aventura na Terra da Amizade contará xa coa presenza desta mascota que terá diversas aplicacións.

Coa 1ª edición celebrada o 31 de agosto de 2019, a Aventura na Terra da amizade é un evento promovido no ámbito da Eurocidade Cerveira Tomiño, co obxectivo de reunir ás familias nunha convivencia transfronteiriza nun ambiente natural, con xogos, espectáculos e animación do imaxinario dos máis pequenos. Ademais de convivencia e animación, o festival tamén ten unha forte compoñente de sensibilización ambiental.