Sábado, 3 Maio de 2025

A Eurocidade Cerveira-Tomiño organiza «Deporte para todas as persoas»

O parque do Castelinho, en Vila Nova de Cerveira, acolle esta actividade na que haberá xogos tradicionais, paseos e aula de pilates, totalmente de balde e coa inscrición aberta ata o día 24

A Eurocidade Cerveira-Tomiño organiza unha xornada deportiva no marco do programa ‘Deporte para todas as persoas’, con xogos deportivos e tradicionais, andaina curta (paseo) e aula de Pilates. Será o vindeiro domingo, 27 de outubro, no Parque do Castelinho (Vila Nova de Cerveira) de 10 a 13 horas (hora galega).

Para participar na xornada ‘Deporte e Amizade’, é recomendable inscribirse previamente en [email protected] ata o 24 de outubro, sendo a actividade totalmente de balde.

‘Deporte para todas as persoas’ é un programa de actividades deportivas gratuítas que se levan a cabo en equipamentos dos dous concellos, e que inclúe tres variedades de actividades: piscina en familia, actividades para maiores de 55 anos e  práctica de diversas modalidades deportivas en parroquias de Tomiño e IPSS de Cerveira.

Máis de 400 persoas teñen participado neste programa, iniciado en setembro de 2018, e que xa organizou tamén dúas andainas transfronteirizas.

Estas actividades deportivas que convidan aos veciños e veciñas dos dous municipios a compartir prácticas saudables, forman parte da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75 % polo Programa INTERREG VA POCTEP, con fondos FEDER da Unión Europea.