Sábado, 3 Maio de 2025

A corporación de Tomiño aproba por unanimidade unha declaración consensuada sobre o 8M

A alcaldesa agradeceu a actitude solidaria dos grupos do PSG-PSOE e PP que, aínda que levaban as súas propias mocións, optaron por presentar un só texto consensuado previamente

O Pleno do Concello de Tomiño, reunido o luns en sesión ordinaria, aprobou por unanimidade unha declaración institucional do 8M, logo de que esta fora consensuada entre os tres grupos políticos que conforman a corporación municipal. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González (BNG), agradeceu a actitude da oposición, que aínda que levaba as súas propias declaracións, decidiu apoiar a do grupo de goberno, logo de debatela e consensuala entre todos os concelleiros e concelleiras.

“Na convicción de que nesta situación de crise é preciso o traballo de todas e todos, e asumindo a responsabilidade que nos corresponde como representantes da cidadanía, todos os grupos políticos do Concello de Tomiño deixan constancia do seu compromiso común coa igualdade plena, efectiva e real entre mulleres e homes”, reza a declaración aprobada onte.

A alcaldesa salientou o feito de que durante a pandemia se fixo evidente a desigualdade existente entre homes e mulleres, estando as últimas na primeira liña da crise sanitaria e realizando traballos relacionados cos coidados que non contan co recoñecemento que merecen.

A tal efecto, a corporación municipal acordou en primeiro lugar, expresar e recoñecer o traballo, tanto remunerado coma non, das mulleres na crise da Covid-19; impulsar e reforzar o marco normativo municipal para que se introduza de xeito tranversal a perspectiva de xénero en todas as accións levadas a cabo dende o Concello; continuar coa loita contra a violencia de xénero en todas as súas manifestacións, e ampliar o Plan de Sensibilización Municipal de concienciación do conxunto da sociedade en favor dunha organización social corresponsable e de horarios máis racionais.

Polo mesmo, acordouse demandar das administracións competentes, o aumento dos recursos destinados á inspección laboral e o impulso da creación dun corpo específico que teña competencia para realizar inspeccións aleatorias co fin de testar a existencia ou non de discriminacións por razón de xénero.

Asemade, instarase á Xunta de Galicia a fomentar, en colaboración coas entidades locais, medidas e programas de conciliación nos que se incorpore a perspectiva de xénero, e impulsar a aprobación de novas medidas que alenten a corresponsabilidade, a través de plans específicos, así como o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero.

Impulsar políticas dirixidas a pechar as moitas brechas que quedan aínda pendentes (laboral, salarial, social) ou crear un Plan de sensibilización e concienciación do conxunto da sociedade en favor dunha organización social corresponsable e de horarios máis racionais, foron outras dúas medidas que se trasladarán á Xunta de Galicia para a súa implementación.