O Concello de Oia organiza este domingo o paseo guiado ‘As do Arrabal’, unha visita ao barrio histórico que servirá para descubrir espazos femininos, coñecer algunhas figuras destacadas e visibilizar e recoñecer o papel xogado polas mulleres ao longo da historia local.
O paseo, a cargo dunha guía oficial, sairá ás 12.30 horas da Oficina de Turismo de Oia (Praza Centinela) e terá unha duración aproximada de 45 minutos. As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente no correo electrónico [email protected] ou no teléfono 639 329 493 (para máis información pódese chamar ao Concello ao número 986 36 21 25).
A visita guiada deste domingo forma parte do proxecto “6×6 Punto de encontro O Arrabal: O mar tamén ten amores”, organizado polo Concello de Oia e beneficiario do programa ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia.
A maiores da visita do domingo 19, a actividade central do ‘6×6 Punto de encontro’ desenvolverase o próximo 25 de setembro e consistirá nunha representación por parte do alumnado do obradoiro de teatro veciñal, que este ano estará acompañado de varias artistas convidadas. Nos próximos días avanzaranse os detalles relativos a esta representación, así como a forma de inscrición.