Sábado, 3 Maio de 2025

Os Reis Magos percorrerán Oia para visitar aos nenos e nenas

Os Reis Magos chegarán a Oia durante toda a xornada do domingo día 5 e percorrerán as distintas parroquias do municipio na tradicional cabalgata. As súas maxestades de Oriente irán facendo paradas no seu camiño para visitar ás nenas e nenos e constatar o ben que se teñen portado no último ano.

A comitiva real fará a súa ruta levando festa, ledicia e ilusión por cada recuncho do concello. Pola mañá percorerán A Portela (11:00 h), Mavia (11:30 h), Acevedo (12:00 h), Loureza (12:30 h), Burgueira (13:00 h), Torroña (13:30 h).

Pola tarde as súas Maxestades de Oriente percorrerán Viladesuso (15:00 h), Pedornes (15:30 h), baixada ao Mosteiro de Oia coa Rondalla de Mougás (16:00 h) e panxoliñas na Igrexa de Sta. María de Oia (16:15 h).

A recepción aos Reis Magos celebrarase no CEIP Mestre Manuel García (17.30h), onde tamén se fará a entrega de premios aos gañadores do concurso escolar de debuxo ‘Un Nadal feliz en Oia’.

Desde alí o percorrido continuará ata chegar á Casa Cultural de Mougás (19:15 h), onde terá lugar o fin de festa.