Luns, 12 Maio de 2025

Este domingo, cita co Festival do Rei Sol no Cano dos Mouros (Viladesuso)

O Festival do Rei Sol volve este ano ao máxico lugar do Cano dos Mouros (Viladesuso) coas súas propostas culturais arredor do patrimonio, a música, a narración oral e o teatro. Durante toda a xornada deste domingo, 12 de setembro, poderase gozar de variadas actividades, tales como sendeirismo, visitas guiadas, contacontos, teatro e actuacións musicais.

A edición do Festival do Rei Sol de 2021 está organizada pola Asociación de Veciños de San Miguel de Viladesuso e máis a Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún de Viladesuso. Ademais, conta coa colaboración do Concello de Oia e da Deputación de Pontevedra, a través de Pontegal.

As actividades comezarán ás 10:00 horas cunha andaina guiada, a cal sairá do Eirado de Viladesuso e terá unha lonxitude de 6 km (hora de finalización aproximada: 13:00 h). O itinerario incluirá unha parada con refrixerio amenizada pola agrupación musical A Fiada de Viladesuso.

Xa pola tarde, ás 17:00 horas no castro do Cano dos Mouros haberá unha visita guiada e ás 17:30 terá lugar a actuación de contacontos infantís de Codia e Miolo. O teatro chegará ás 19:00 horas cunha representación a cargo do grupo local O mellor de cada casa e, finalmente, o peche da xornada festiva contará coa música de Tra-lo Mosteiro ás 20.00 horas.