Domingo, 4 Maio de 2025

Ampliarase a plataforma da ponte da estrada PO-354 en Loureza

A Xunta adxudicou a redacción do proxecto de ampliación da plataforma da ponte da estrada autonómica PO-354, en Loureza, no concello de Oia.

O contrato, adxudicado á empresa Ingenieros Consultores por importe de preto de 18.000 euros, ten como obxectivo deseñar a solución construtiva para a ampliación da plataforma da estrada PO-354 no seu punto quilométrico 9+070, e dotala dunha sección de 2 carrís con beiravías.


Este proxecto foi abordado xa nunha reunión de traballo celebrada en setembro entre a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a alcaldesa, Cristina Correa.

Ese punto da vía autonómica, en Loureza, sofre un estreitamento moi importante da súa sección, ao axustarse ao ancho da obra de paso de fábrica. A plataforma da vía conta con 4 metros de ancho e non se poden cruzar dous vehículos sobre a ponte, o cal supón un problema de funcionalidade e de seguridade viaria. Este problema vese incrementado, ademais, polo abrupto da curva anterior ao dito estreitamento.

Así, o obxectivo do contrato adxudicado é realizar un estudo previo que analice a viabilidade de, cando menos, dúas alternativas.

Por unha banda, analizarase a posibilidade de ampliación da plataforma da ponte mediante unha solución de novo taboleiro apoiado na fábrica existente e o aumento do radio da curva previa á ponte.

Doutra banda, avaliarase tamén a posibilidade de definir unha pequena variante do trazado da PO-354 que evite o paso pola actual ponte.

Unha vez definida a solución máis acaída, desenvolverase a intervención a nivel construtivo, obténdose como resultado un treito de estrada PO-354 coa plataforma ampliada a unha sección de 2 carrís con beiravías neste treito obxecto da actuación.

No desenvolvemento do proxecto prepararase tamén a documentación para poder proceder á expropiación de terreos precisos para execución das obras.

A Xunta continúa traballando pola mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e eficientes aos cidadáns.