Sábado, 3 Maio de 2025

A Xunta remata a creación de accesos e a mellora de lavadoiros en Oia

O acondicionamento destes lavadoiros consistíu na súa limpeza, adecuación, preparación de accesos peonís, pavimentado, recondución das canalizacións e cubrición das zonas de augas

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de rematar a creación de accesos peonís e a mellora integral dos lavadoiros de Torroña e Bonaval, no Concello de Oia, cun investimento de 36.000 euros financiado, ao 85%, cunha achega da orde de infraestruturas turísticas para municipios de ata 10.000 habitantes.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, supervisou esta dobre actuación na parroquia de San Pedro de Burgueira que permitíu o embelecemento e recuperación de dous lavadoiros de indubidable valor turístico pola elevada cifra de visitantes que recibe o concello e os milleiros de peregrinos que percorren o Camiño Portugués pola Costa.

O acondicionamento destes lavadoiros consistíu na limpeza da área de intervención, a súa adecuación, a creación de sendas peonís, o pavimentado da contorna, a recondución das augas e a cubrición do propio lavadoiro.

“Estas actuacións son unha mostra máis da aposta transversal da Xunta de Galicia polo turismo, xa que actuamos en cuestións estratéxicas e de calado e tamén naquelas máis sinxelas, pero que contribúen ao embelecemento e que son moi valoradas polos visitantes. No caso de Oia, un concello cun enorme tirón turístico que está a facer un gran traballo neste sector e que aposta pola calidade, a colaboración do Goberno galego é constante e imos seguir nesta liña”, manifestou Luis López.

Ademais, o delegado territorial explicou que a Axencia Turismo de Galicia vai destinar novamente este ano un millón de euros a estas accións de embelecemento e recuperación de espazos con esta orde para concellos de ata 10.000 habitantes, que se enmarca no Plan Camiña.

Esta liña, que concederá un máximo de 30.000 euros por solicitude, oriéntase á posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística destes municipios con accións de embelecemento, accesos, iluminación ornamental, recuperación e creación de miradoiros, sendeiros e rutas, espazos de estacionamento de vehículos e incluso a mellora de Bens de Interese Cultural (BIC).