8.3 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoOiaA Xunta investirá 900.000 euros no mosteiro de Santa María de Oia...

    A Xunta investirá 900.000 euros no mosteiro de Santa María de Oia para rehabilitar “un dos maiores bens” do Camiño Portugués pola Costa

    O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade presentou o proxecto de restauración deste ben patrimonial xunto coa alcaldesa, Cristina Correa

    O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe o Mosteiro de Santa María de Oia, onde anunciou que a Xunta de Galicia ten previsto levar a cabo un proxecto de rehabilitación cun investimento de preto de 900.000 € na igrexa. Esta actuación permitirá mellorar as condicións de humidade e resolver os problemas da falta de mantemento e conservación deste importante BIC do Camiño Portugués da Costa.

    Román Rodríguez, xunto coa alcaldesa Cristina Correa, subliñou que esta intervención “será a maior aposta da Xunta este ano no patrimonio da provincia de Pontevedra e unha das máis importantes de toda Galicia”. Isto será posible, como explicou o conselleiro, grazas ao incremento do investimento por parte do Goberno autonómico en fondos para patrimonio. “En 2021 imos dedicar un 19% máis”, declarou.

    “Queremos darlle o mellor futuro ao noso pasado máis sobranceiro”, resumiu o titular de Cultura da Xunta, quen explicou que os traballos que se desenvolverán este ano “renovarán unha das xoias patrimoniais xacobeas en pleno Ano Santo”. Neste momento estanse a completar os tramites administrativos para a súa próxima licitación e, unha vez adxudicada a obra, terá un prazo de execución de nove meses.

    No caso concreto da provincia de Pontevedra, a Xunta está destinando máis de 3 millóns de euros nunha ducia de bens como a igrexa de Santo Estevo de Negros, en Redondela, cuxa obra empezará nas vindeiras semanas; a basílica de Santa María a Maior, en Pontevedra; ou a restauración rematada de Santa María de Baiona, entre outras.

    Numerosas zonas de actuación

    A actuación que se levará a cabo neste Ben de Interese Cultural permitirá mellorar as patoloxías derivadas da entrada de auga, así como resolver os problemas pola falla de mantemento e conservación. Así, o proxecto prevé que as principais actuacións se centren nas fachadas e cubertas, así como en mellorar as condicións de ventilación.

    Para iso modificaranse os aleiros, co fin de evitar a entrada de auga pola cabeza dos muros, restaurarase a cuberta do faldón norte e rebaixarase a cota do terreo arredor das fachadas leste e sur da igrexa. Así mesmo, tamén se eliminarán os rexuntados interiores de cemento e cambiaranse as actuais carpinterías deterioradas e sen ventilación por outras de aceiro inoxidable negro con ventilación permanente.

    As obras previstas no Mosteiro de Oia complétanse coa apertura da antiga comunicación entre a sancristía e a torre do campanario, co acondicionamento do adro da igrexa completando a actual pavimentación en granito e coa execución dun novo sistema de evacuación de augas pluviais e residuais de todo o conxunto.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.