Xoves, 8 Maio de 2025

A Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia chega este xoves ao Museo do Mar no marco do ciclo O País das Bandas

Terá lugar ás 20,30 horas, con entrada de balde ata completar a cabida

O Museo do Mar de Galicia acolle este xoves o concerto da Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia, no marco do ciclo O País das Bandas promovido pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22. A actuación será ás 20,30 horas, con entrada de balde ata completar a cabida.

A Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia naceu no 1931 da man de Severino Alonso Mallo. Na actualidade está dirixida por Pedro Villaroel González. O programa previsto inclúe as pezas Sangre de artista, de Jaime Teixidor, First suite in EB for military band, de Gustav Holst, Alborada galega, de Pascual Veiga, e Pilgrims Surise, de Shaun Davey. Soarán tamén Non te namores meniña, con arranxos de Ernesto Campos, Lenda de Montelongo, de Bernardo del Río, e Noites de lúa na praia de Ernesto Campos e Represas, e con Jandro Barciela como gaiteiro solista.

Trátase do cuarto e último concerto que acolle o Museo do Mar no marco do ciclo que, con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións, está a percorrer Galicia nos meses de xullo a setembro. Previamente, actuaron neste espazo a Unión Musical de Valadares, a Unión Musical de Coruxo, e o Ateneo Musical de Bembrive. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición  musical galega. A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.