O Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 recolle a suspensión de todos os prazos administrativos, incluídos os de solicitude de praza ou renovación de matrícula nos centros de ensino. Neste sentido, lémbrase que no CPI Manuel Suárez Marquier e no CRA María Zambrano paralizouse o período de matriculación que xa estaba aberto e que se reabrirá xusto coa reanudación das clases no centro escolar.

Pola súa banda, na escola infantil Galiña Azul están suspendidos polo momento os procesos tanto de solicitude de prazas como de renovación de matrícula, que aínda non se iniciaran antes de decretarse o estado de alarma. En canto haxa nova información relativa a estes procesos trasladarase aos veciños e veciñas, comunicando as datas de inicio e fin de prazo para calquera das solicitudes.

Ademais da información relativa ás matrículas, dende o Concello do Rosal queremos aproveitar para agradecer a colaboración da dirección e do profesorado da escola infantil Galiña Azul nestes intres, que xenerosamente doaron ao Concello todos os alimentos perecedoiros que tiñan no seu inventario. Todos estes alimentos, principalmente iogures, serán empregados pola área de Servizos Socias para repartir entre aquelas familias que se atopan nunha situación de emerxencia social durante estes días de confinamento.