O Concello do Rosal porá en marcha este mes o ciclo de charlas ‘Li-xo, que non che soe a chino’, unha serie de encontros por diferentes barrios do municipio para explicar á veciñanza como funciona a xestión do lixo que se produce nas casas e resolver calquera tipo de dúbida sobre a reciclaxe.
“Queremos compartir coa veciñanza o noso interese e compromiso na xestión sustentable do lixo no Concello, unha cuestión moi importante dado que a xestión do lixo supón o 10% do gasto municipal”, aseguran dende o departamento de Medio Ambiente.

Serán en total once charlas abertas a todos os públicos que comezaron onte, día 3 de marzo no Centro Social de Eiras e rematarán o vindeiro 2 de abril na Escola de Pías. O calendario será o seguinte:
- Xoves 5 de marzo (11:00 h). Escola do Maio (Tabagón).
- Xoves 5 de marzo (19:00 h). Sociedade de Veciños de San Miguel.
- Martes 10 de marzo (11:00 h). Escola de Marzán.
- Xoves 12 de marzo (17:00 h). Escola de Novás.
- Martes 17 de marzo (11:00 h). Escola de San Xián.
- Martes 24 de marzo (11:00 e 17:00 h). Biblioteca Municipal (Calvario).
- Xoves 26 de marzo (17:00 h). Asociación de Veciños Río Folón (Fornelos).
- Martes 31 de marzo (20:00 h). Bar San Martiño (Martín).
- Xoves 2 de abril (19:00 h). Escola de Pías.
Estes horarios poden estar suxeitos a modificacións. No caso de que algún deles cambie, o novo horario comunicarase á veciñanza coa suficiente antelación.