Xoves, 13 Febreiro de 2025

O campamento de Nadal do Rosal amosou aos nenos e nenas as culturas do mundo

Organizado polo Concello e totalmente de balde, o campamento tiña por obxectivo facilitar a conciliación familiar e laboral á veciñanza

Un percorrido polo mundo e polas tradicións de Nadal en diferentes culturas. Así foi o campamento de Nadal organizado polo Concello do Rosal durante o mes de decembro e os primeiros días de xaneiro, posto en marcha co obxectivo principal de axudar ás familias rosaleiras a conciliar a vida laboral e familiar a través de actividades educativas e lúdicas coas que dinamizar o tempo libre dos nenos e nenas durante o período de vacacións escolares. O campamento era gratuíto e encheu todas as prazas dispoñibles.

Baixo o título de ‘Nadal no mundo’, 25 nenos e nenas de educación infantil e primaria puideron coñecer os costumes e xogos tradicionais de diferentes culturas e crear motivos e aderezos propios destas datas, atendendo á educación en valores e á diversidade.

[su_image_carousel source=”media: 10832,10831,10830,10829,10828,10827,10826,10825,10824,10823″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Así, os máis pequenos e pequenas coñeceron xogos propios das culturas asiática ou africana, compartiron ideas sobre no Nadal e reflexionaron sobre o consumo despois dos agasallos de Papá Nöel, crearon un tarro de luz propio do Jánuca xudeu ou un personaxe propio das culturas nórdicas, os axudantes de San Nicolás: os elfos verdes. Una morea de actividades a través das que os nenos e nenas aprenderon a convivir e cooperar nunhas datas tan sinaladas.

Dende o Concello somos conscientes “da importancia da corresponsabilidade, por iso queremos achegar o noso gran de area con iniciativas como este campamento, axudando aos pais e nais que traballan e non teñen con quen deixar aos seus fillos e fillas ao tempo que os mais pequenos e pequenas aprenden”.