Sábado, 3 Maio de 2025

‘Espazo Crianza’ do Rosal, lugar de encontro e acompañamento ás familias con nenos e nenas de 0 a 12 meses e xestantes

O Concello do Rosal pon en marcha este proxecto para ofrecer información e resolver inquedanzas sobre o desenvolvemento infantil. Comezará o 6 de outubro e será de balde con inscrición previa

Brindar ás familias un lugar de encontro e acompañamento durante o crecemento dos seus fillos e fillas. Con ese obxectivo o Concello do Rosal pon en marcha Espazo Crianza, un proxecto que ofrecerá ás familias con nenos e nenas de 0 a 12 meses e a xestantes unha canle de comunicación, de información e de aprendizaxe sobre o desenvolvemento infantil, así como de resolución de inquedanzas para unha crianza sen culpas e sen xuízos nin prexuízos.

“Estamos moi ilusionados con esta iniciativa, que responde a unha demanda habitual nas familias. Hoxe en día pais e nais queren estar máis formados ca nunca, pero o exceso de información á que hai acceso pode crear moita inseguridade”, asegura a alcaldesa Ánxela Fernández Callís.

Trátase dun espazo educativo e de lecer onde poder ofrecer aos cativos e cativas unha educación de experimentación pero guiada por profesionais, un servizo de atención infantil e familiar “próximo e de calidade que servirá para detectar posibles necesidades nunha estadía temperá, á vez que se traballa o desenvolvemento dun embarazo positivo dende todos os ámbitos e se realiza un acompañamento aos pais e nais tamén nos primeiros meses de vida do bebé”.

Estes encontros, nos que se abordará unha educación libre, activa e respectuosa, dividiranse en grupos dependendo da idade dos nenos e nenas. Por un lado, haberá acompañamento prenatal dirixido a futuros pais e nais xestantes a partir da semana 28 de embarazo, con sesións quincenais os mércores de 10 a 11 horas que comezarán o vindeiro 6 de outubro. Tamén se implementarán dous grupos para acompañar ás familias no desenvolvemento integral do seu bebé, dependendo do seu desenvolvemento motor e cognitivo. Así, haberá un grupo para bebés de 0 a 6 meses e outro de 6 a 12 meses. Tamén será unha sesión quincenal que comezará o mércores 13 de outubro en horario de 10.00 a 11.00 e de 11.30 a 12.30 h, respectivamente.

A participación neste espazo é de balde. As persoas interesadas deberán facer unha inscrición previa enchendo o documento que se atopará na web municipal e entregándoo no Concello, tanto en Rexistro como á educadora familiar.