Mércores, 7 Maio de 2025

Comezan as obras de acondicionamento do acceso ao aparcamento Xulio Sexto

O acceso a este aparcamento estivo pechado nas últimas datas debido a problemas técnicos na súa formulación inicial

O Concello do Rosal comezou xa esta semana as obras de acondicionamento e urbanización do acceso ao aparcamento Xulio Sexto, situado no núcleo urbano da vila. Trátanse de obras para a mellora da zona de entrada ao recinto, que permaneceu pechado nas últimas datas debido aos problemas técnicos derivados da formulación inicial do proxecto, creado no pasado mandato.

Durante os vindeiros días desenvolveranse os traballos para a pavimentación da entrada, creando un acceso rodado e outro peonil, ademais de executarse a canalización de augas pluviais e as condicións eléctricas necesarias para dotar de iluminación a zona. Todas estas actuacións teñen por obxectivo corrixir as deficiencias técnicas do proxecto inicial e paliar a problemática derivada do acondicionamento do aparcamento para que poida empregarse de forma normalizada, xa que ata o de agora non cumpría os requisitos mínimos necesarios para o seu uso sen prexuízo para a veciñanza residente nas inmediacións do acceso ao aparcamento.

O uso habitual do aparcamento Xulio Sexto permitirá ademais dotar as inmediacións da Praza do Calvario de maior espazo para o estacionamento de vehículos.

Este proxecto, elaborado pola área de Urbanismo do Concello do Rosal, conta con financiamento do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e coa autorización da sectorial de Estradas de Galicia.