Sábado, 3 Maio de 2025

A Deputación realizará o estudo técnico para a reforma integral da estrada Tabagón-Goián

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou hoxe o Concello de O Rosal, onde mantivo unha xuntanza de traballo coa alcaldesa, Ánxela Fernández, e intercambiou opinións co persoal municipal e a veciñanza. A visita institucional, a primeira do mandato, foi cualificada por Silva como “rápida, concreta e con decisións”. “Nótase que estamos a traballar entre mulleres”, remarcou. A alcaldesa, pola súa banda, destacou “o pracer que supón recibir nun concello pequeno, de 6.000 habitantes, a unha muller que é unha referencia na política e exemplo de boa xestión”. “Hoxe”, engadiu, “deuse un paso máis na colaboración entre O Rosal e a Deputación”.

O principal acordo entre Silva e Fernández foi a reconversión integral da Estrada Provincial EP-3303 entre Tabagón (O Rosal) e Goián (Tomiño) para apostar pola mobilidade peonil, toda vez que a día de hoxe xa están en servizo outras infraestruturas que comunican e artellan a bisbarra e existe unha importante mobilidade a pé nesta estrada, tanto por parte de peregrinos que buscan conectar coa Variante da Costa como de persoas que acoden a Tomiño para o seu lecer, realizar xestións ou compras.

Carmela Silva remarcou que trátase dunha obra “moi ambiciosa e que terá un importante custo económico, pero que permitirá marcar unha diferencia no trato ao territorio, devolvendo o protagonismo ás persoas e recuperando o que, no pasado, nos arrebataron os vehículos”. Ambas partes decidiron, diante da envergadura do proxecto, que se iniciará de inmediato o traballo técnico para establecer a execución da estrada en tres fases. Ánxela Fernández subliñou que a EP-3303 foi construída nuns tempos nos que non houbo “a perspicacia” de pensar que no futuro habería vías alternativas de alta capacidade, polo que defendeu que sexa reconfigurada para recuperar a mobilidade peonil. Deste xeito anticipou que hai que ir pensando en conectala coa senda do río Miño, outro proxecto que é froito da colaboración comarcal.

Da visita saíu tamén o acordo firme de que a Deputación colaborará con O Rosal na organización dun Congreso de Deporte Feminino da comarca do Baixo Miño. Ánxela Fernández destacou que a existencia dun Servizo de Igualdade na Deputación, que financia proxectos, e dunha presidenta feminista como Carmela Silva abre oportunidades de traballar a prol dunha sociedade máis igualitaria con accións concretas para a comarca.

A rexedora municipal referiuse ao tecido asociativo rosaleiro, no que abundan persoas e profesionais dedicados/as diariamente á promoción do deporte feminino e lembrou que a igualdade só é posible se é unha prioridade para todas e todos. Carmela Silva acolleu a idea e destacou a importancia de que haxa mulleres á fronte das Alcaldías “porque as mulleres temos que estar en tódolos ámbitos de decisión e particularmente no eido local que é onde se toman as decisións que máis afectan ás persoas”.

A última cuestión abordada foi a planificación que o Concello do Rosal xa está a facer dos 569.679,54 euros (un 2,4% máis) que lle corresponden da convocatoria do Plan Concellos 2020, o operativo provincial que financia regradamente aos 59 municipios de menos de 50.000 habitantes en base a criterios de poboación, dispersión e extensión territorial. Ánxela Fernández anunciou que gracias á estabilidade desta fórmula de financiamento pode anunciar a reforma integral da Praza de Abastos de O Rosal. A alcaldesa puxo en valor “a gran utilidade que para os municipios supón a existencia dun plan que reparte obxectivamente os recursos públicos en favor da cidadanía de a pé”, “e iso non é tan habitual na Administración pública”, remachou.

O Plan Concellos, nacido en 2015 co cambio de Goberno na institución provincial, fixo posible neste tempo a realización de 41 obras, 25 actividades socioculturais e a contratación de 57 persoas paradas para a atención de servizos municipais. O investimento total, sumado o Plan Concellos e a totalidade das iniciativas despregadas pola Diputación en O Rosal durante este mesmo período, alcanza xa os 3,4 millóns de euros, o maior da historia.