Venres, 2 Maio de 2025

Gregorio Agís visita as obras de seguridade viaria da Deputación en Crecente

O deputado de Infraestruturas e o alcalde do municipio comprobaron o mércores os resultados dos traballos, financiados pola Deputación con case que 60.000 euros

O deputado de Infraestruturas e Vías Provinciais, Gregorio Agís, e o alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, visitaron os traballos de consolidación do noiro na rúa Mon y Landa na EP-5005 e na estrada autonómica A Cañiza-Pousa (PO-400). As obras, xa rematadas, foran adxudicadas por 57.732,10 euros, sendo COVSA a empresa adxudicataria do contrato.

Durante a visita, Gregorio Agís destacou da mellora das condicións que supoñen estas obras e a necesidade que había de levalas a cabo: “Esta zona tiña un problema coa beirarrúa, que era estreita e que se afundía polos desprendementos. Esta foi unha obra que se acometeu con urxencia pola importancia que tiña para a seguridade”.

Así, o estado anterior da estrada presentaba un firme en mal estado e a beirarrúa non podía utilizarse de forma óptima a causa da inestabilidade do talude. Para paliar esta problemática resolveuse construír un muro de contención na base do noiro, así como tamén unha cuneta remontable de un metro de largo e unha senda peonil de 2,5 metros de largo.

Por outra banda, ante as taras que presentaba a beirarrúa, esta foi substituída por un sendeiro peonil funcional. Ademais, o firme existente foi reparado e introducíronse medidas de calmado de tráfico co fin de mellorar a seguridade viaria da estrada.

O alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, sinalou que “a obra era necesaria polo perigo que tiña”. Ademais, aproveitou para agradecer á institución provincial os traballos realizados nunha das zonas máis poboadas e con maior tráfico de persoas do concello.

Deste modo, dende que Carmela Silva tomou posesión do cargo de presidenta da Deputación, o ente provincial leva investidos máis de 3,5 millóns de euros no concello de Crecente, dos cales case 2,5 millóns pertencen á área de cooperación e 887.340,32€ á área de mobilidade. Polo momento, ó abeiro do Plan Concellos 2019 concedéronse catro proxectos, cuxo presuposto ascende a máis de 170.000 euros.