Venres, 2 Maio de 2025

Arde o 90 por cento dunha casa habitada en Crecente

Logo de producírense 3 incendios esta noite en Galicia, os peores danos materiais producíronse a causa dun incendio nunha vivenda de Crecente, na provincia de Pontevedra. Ardeu máis do 90 por cento dunha casa habitada do lugar de As Piñas sen que se rexistrasen danos persoais. Con todo, as perdas son cuantiosas porque, ademais do que arrasou o lume, a estrutura do inmoble quedou completamente colapsada.

Foi un veciño quen, minutos despois das dúas desta madrugada, contactou co 112 Galicia para dar conta do que sucedía nesta vivenda situada á beira da estrada que une Crecente coa Cañiza. Para facer fronte ao lume, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Ponteareas, así como dos membros do GES de Ribadavia. Tamén estiveron en alerta os Bombeiros da Mancomunidade de Terras de Celanova, por se, por algún momento, fose necesaria unha achega extra de auga.

Do mesmo xeito, o persoal do 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento das autoridades locais e dos axentes da Garda Civil. Igualmente, ao punto dirixiuse unha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pero todos os ocupantes da casa afectada estaban fóra e en bo estado de saúde.