Venres, 2 Maio de 2025

A estrada PO-400 conta con dúas novas paradas de autobús ao seu paso por Crecente

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de finalizar os traballos para habilitar dúas paradas de autobús na estrada PO-400, ao seu paso polo concello de Crecente.

As obras, cun investimento de máis de 48.000 euros, permitiron dotar destas paradas de autobús ambas as marxes da estrada PO-400, en torno ao punto quilométrico 25+230.

Os traballos resolveron a situación anterior, xa que non existía espazo habilitado para que os autobuses parasen, nin zona de circulación peonil propia, nin refuxio para os usuarios.

Así, instaláronse dúas marquesiñas con banco e apoio isquiático, cada unha nunha marxe da estrada, e habilitáronse zonas de circulación peonil para acceder ás novas paradas: executando unha senda con pavimento de formigón pola marxe esquerda da vía; e ampliando, na marxe dereita, a plataforma con aglomerado en quente e posterior aplicación de capa de cor, que permite diferenciar a parte destinada á circulación peonil.

Ademais, para manter a continuidade da rede de drenaxe na marxe esquerda, colocouse un colector de PVC de diámetro 315 mm baixo a senda de formigón executada, ademais da execución de sumidoiros e pozos de rexistro.

A Xunta continúa traballando para mellorar os servizos de transporte público co fin de facilitar a mobilidade dos cidadáns.