Venres, 2 Maio de 2025

O quinteto de vento da Orquestra Filharmónica de Pontevedra encherá Covelo de música da man da Deputacion

O concerto terá lugar o domingo 9 de agosto ás 20.00 horas na Praia Fluvial de Maceira e nel terán cabida obras de compositores do talle de Beethoven ou Prokófiev

A Deputación de Pontevedra organiza o domingo 9 de agosto 20.00 horas un concerto do quinteto de vento da Orquestra Filharmónica de Pontevedra. Este acto musical terá lugar na Praia Fluvial de Maceira, no concello de Covelo, e está inserido dentro do programa cultural “Música no ar”, impulsado polo ente provincial para achegar a música a todos os recunchos e democratizar a cultura. Así, ó evento acudirán o deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor; o alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo; e os tenentes de alcalde Lourdes Enes e Félix Álvarez.

O quinteto de vento da Orquestra Filharmónica de Pontevedra, composto por Judith Rey Iglesias (frauta), David Garrido Caneiro (óboe), Francisco Javier Morgade Dobaño (Clarinete), David Arroyos Juan (Fagot) e María Pilar Simeó Gijón (Trompa), interpretará obras recoñecidas e compostas por autores do talle de Beethoven, Prokófiev, S. Joplin, J. Teixidor, S. Couceiro, C. M. Ziehrer, Bizet ou F. Danzi. Este conxunto musical, de longa traxectoria, nace en Pontevedra e está conformado por profesionais do ámbito musical cunha consolidada experiencia no mundo da interpretación e da docencia.

“Música no ar”, enmarcado dentro do amplo programa cultural deseñado pola Deputación de Pontevedra para o ano 2020, máis concretamente do plan provincial “Re-acción cultural”, que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, procura espallar a cultura por toda a provincia, divulgar a música de cámara de xeito gratuíto e poñer en valor a todas aquelas persoas que se dedican con talento, paixón e virtuosismo á renovación do xénero musical.

Así pois, na vindeira semana terán lugar tres citas máis ó abeiro deste programa. A primeira delas terá lugar o martes 11 de agosto ás 19.00 horas no Castelo de Sobroso, onde o cuarteto de corda e instrumentos de vento da Orquestra Filharmónica de Pontevedra ofrecerán un concerto. Por outra banda, o venres 14 de agosto ás 19.30 horas o quinteto de metais da Orquestra Filharmónica de Pontevedra actuará no Mosteiro de Poio, mentres que o domingo 16 de agosto ás 20.00 horas terá lugar un concerto da sección de percusión da Orquestra Clásica de Vigo na Carballeira de Caldas de Reis.